Órrea
O topónimo ÓRREA procede do prefixo prerromano ORR-, que significa “entre montañas”.
Os lugares da parroquia da Órrea son: Lodás, A Órrea, A Eirexa, A Roxiña, Praducelo, Porto das Rozas, Courel, A Rebordela, Fonseca, Burducelo, Valquente, O Rego, Busgardín, O Fleire, A Casanova, O Regocorto, O Xardel e O Val.
Hai barrios xa desaparecidos como son As Louseiras, A Carballeira, A Casa de Lodos e A Caseta.
HISTORIA
O nome da Órrea demostra que, segundo algúns investigadores, esta parroquia está habitada dende a Prehistoria. Da antigüidade destas terras hai boa mostra de restos de fósiles encontrados en Lodás e tamén parece ser que esconde as únicas probas existentes en Galicia sobre a presenza de dinosauros.
Da época castrexa hai referencia a un castro no Porto das Rozas.
Nos séculos IX, X e XI entraron os godos no actual concello de Riotorto, e desa época debe ser a pía bautismal que hai na Igrexa.
Da época medieval é a capela de San Pedro de Fulgueirúa.
Da Idade Media é o mosteiro de monxas beneditinas coñecido como Mosteiro de Donas, na contorna da actual igrexa parroquial. Daquela época son dous cálices de prata e un de chumbo do ano 1407. A día de hoxe só se conserva un de prata que está na igrexa.
Nesta época, os veciños colonos e aforados pagaban renda á parroquia.
Pola parroquia pasa a Vía Rexia do Norte, o Camiño de Santiago procedente de Asturias dende A Pontenova a Meira. Os peregrinos utilizaban o lado dereito da agora coñecida como estrada nacional 640.
Hai documentos de que o lugar de Courel tivo concello propio antes de integrarse no de Riotorto no ano 1833.
No ano 1841 foi feita a casa García de Estoa (casa do Caseiro da Eirexa), que ten un lintel con inscrición.
Do ano 1844 era a casa de Lodos, que na actualidade só conserva o horro.
No Lugar da Travesa, no ano 1897, naceu o persoeiro literario máis importante da parroquia, Avelino Díaz, que viviu na actual casa de Castañal coa familia materna ata os 10 anos, para despois irse a Meira coa súa familia para emigrar a Bos Aires, con 12 anos, cun parente.
Hai una ducia de minas que están abandonadas no territorio parroquial.
Polo século XX sufriu una caída demográfica por mor da emigración a outros lugares como Cataluña e Euskadi para buscar un mellor nivel de vida. Previamente, producírase tamén a emigración a América, principalmente, a Cuba primeiro e á Arxentina, despois.
Secularmente, e ata comezos dos anos 70 do século XX, moitos homes da Órrea viaxaban a Castela para participar na sega. A historia dos segadores está documentada no libro escrito por Carlos Veiga Segadores da Órrea en terras de Castela, unha historia de heroes, libro editado pola Asociación de Veciños e Veciñas.
Na Órrea tivo notable presenza o agrarismo que se desenvolveu en Galicia a comezos do século XX. Durante a ditadura de Franco existiu a Cooperativa do Campo de Santa Comba da Órrea, en certa maneira continuadora daquel.
A Órrea foi tamén terra de ferreiros, en Busgardín, A Casanova, na Barreira e mesmo no veciño lugar de Beche, da parroquia de Xudán.
Na parroquia están identificadas cando menos dúas accións da guerrilla antifranquista: o secuestro da familia Lodos e o asalto na Curva do atraco, no límite entre as parroquias de Álvare e A Órrea, aos feirantes que viñan de Meira.
Na década dos 90 do século XX, a parroquia converteuse no motor da recuperación, en todo o Norte da provincia de Lugo do xogo dos birlos de lastra, a través da Asociación Recreativa e Cultural dos Amigos/as de Santa Comba da Órrea.
A parroquia é rica, tamén, noutro tipo de xogos, así como en literatura oral. Só por citar un exemplo, o historiador local Miguel Abraira identificou a Fonte dos Mouros en Courel citada nun documento na Catedral de Mondoñedo no ano 1544.
AVELINO DÍAZ
Ligazón á páxina web da Asociación Cultural Avelino Díaz: www.poetaavelinodiaz.gal
QUE VER EN SANTA COMBA DA ÓRREA
Para coñecer o pasado medieval da parroquia pode consultarse o libro reimpreso pola Asociación de Veciños e Veciñas, O Mosteiro de Donas de Santa Comba da Órrea, da autoría de Enrique Cal Pardo.
Na igrexa parroquial:
- A propia igrexa (do antigo Mosteiro de Donas), século XII, recoñecida como Patrimonio Cultural
- Pía bautismal do Século XI.
- Caveira da pía da auga bendita.
- Figura medieval recuperada en agosto do 2019.
- Retablo do Altar Maior rococó do século XVI con imaxes barrocas do século XVIII.
- Dous retablos laterais, un barroco e outro neoclásico.
Noutros lugares da parroquia:
- Capela de San Pedro de Fulgueirúa, do Século XII.
- Muíños. Houbo na parroquia polo menos dez muíños, entre os que destacan o Muín da Andeana ou o Muín de Lodos.
- Horros. Hai moitos por toda a parroquia, e ben conservados.
- Cabozos. Tamén podemos identificar moitos, algúns mesmo formando un mesmo corpo cos horros.
- Castro de Porto das Rozas, apenas estudado ata o momento.
QUE FACER EN SANTA COMBA DA ÓRREA
- Ruta de Regos e Fontes (circular partindo da igrexa).- 8 km.
- Ruta Avelino Díaz (A Travesa – Meira).- 10 km.
- Ruta pola Vía Rexia (Rego de Beche – Álvare).- 8 km. Camiño paralelo á estrada N 640, antiga vía a Santiago.
ONDE COMER EN SANTA COMBA DA ÓRREA
A Taberna de Montse, establecemento hostaleiro de referencia da Órrea, tanto polo seu trato persoal cos clientes como polos seus menús diarios. Taberna que leva o nome da Órrea por Galicia e España.
ONDE DURMIR EN SANTA COMBA DA ÓRREA
- Casa de Turismo Rural en Fulgueirúa.
- Pazo do Caseiro na Eirexa (propiedade da Taberna de Montse).
ASOCIACIÓNS DE SANTA COMBA DA ÓRREA
- Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea.- (https://www.facebook.com/Asociación-De-Veciñosas-De-Santa-Comba-Da-Órrea-234905653570953/):
- Documentación variada.
- Publicacións.
- Xornadas informativas.
- Documentais.
- Asociación Recreativa Cultural dos Amigos/as de Santa Comba da Órrea: Naceu para recuperar o xogo dos birlos. A parroquia é pioneira no Norte de Lugo na recuperación destes xogos, respectando a tradición incorporando o xogo á realidade do século XXI.
- Asociación Avelino Díaz (www.poetaavelinodiaz.gal): Ten a súa propia páxina Web sobre o poeta da Órrea, cunha completa información sobre as actividades culturais que organiza.
FESTAS PATRONAIS DE SANTA COMBA DA ÓRREA
Case sempre coinciden coa segunda fin de semana de agosto e son na honra de Santa Comba e San Antonio.
Nos últimos anos volve celebrarse a Festa da Cocha, na honra de San Silvestre e de Santa Comba, o 31 de decembro.