Galegos


Igrexa parroquial de Santa María de Galegos

Igrexa con características modernistas, muros recebados e pintados de branco. Planta rectangular a dúas augas e ábside cuadrangular a catro vertentes en lousa con vértices con tella.

Fachada con porta de arco escarzado, espadana de pedra vista con dous pisos: un inferior con dous vans de arco de medio punto, e outro superior dun só oco. Remate con tres pináculos. Malia o pouco interese histórico-artistico que ten, no seu conxunto é unha igrexa de grande esveltez.

Capela de San Pedro de Folgueirúa

Pequena capela con muros recebados e pintados de branco tanto no exterior coma no interior. Destaca a súa fachada con porta alintelada en madeira, espadana rectangular dun só oco con campá doada por unha señora residente en Cuba e rematada cunha cruz.

No interior ten dúas imaxes do templo primitivo, a do titular, moi rústica, que ben podería ser medieval, en granito pintarraxeado, coa chave na man dereita e un libro pechado na esquerda e revestido de planeta terminada en punta; e a San Caetano en madeira cos brazos abertos.

Capela da Nosa Señora da Piedade de Lourido

Capela de reducidas dimensións, con planta rectangular e porche na fachada. Muros recebados e pintados de branco con zócalos en gris. Cuberta con armazón de madeira, lousa e a dúas augas. Espadana dun oco rematada cunha cruz de ferro.

Capela da Nosa Señora da Pontiga da Veiga de Galegos

Pequena capela moi reformada xa polo tempo, de planta rectangular, cuberta de lousas rectangulares baixo un armazón de madeira a dúas augas e espadana dun só oco. Fachada con porta moi alta de arco de medio punto con dous van sacada banda tamén con arco de medio punto, todo isto dentro dun porche. O conxunto da estructura presenta pouco interese artístico.