Rede Cemit

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta da Galicia, que actualmente forma parte da Axenda Dixital de Galicia 2020 enmarcada no Plan Estratéxico Galicia 2015-2020 e que ten como fin acadar a converxencia tecnolóxica con Europa no horizonte do ano 2020.


Desde 2016, a Rede CeMIT tamén forma parte do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 coma un dos proxectos clave que asentaron as bases para definir a nova estratexia de inclusión dixital da comunidade e que ten o obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital no ano 2020.

O obxectivo da Rede CeMIT é o de vertebrar territorial e socialmente Galicia, en especial onde a fenda dixital se fai máis evidente, impulsando, potenciando e difundo os coñecementos nas tecnoloxías da información e a comunicación da cidadanía galega.

A Rede caracterízase pola impartición de actividades formativas no eido da alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital.

Conta coa colaboración de 92 concellos galegos. Está integrada por 98 aulas, chegando a todos os puntos da xeografía galega, de tal xeito que todo galego/a ten unha aula a media hora de distancia do seu fogar e pode acceder á formación presencial e tamén formación en liña desde calquera punto.

Todas as aulas están equipadas con última tecnoloxía, Internet e sistemas de videoconferencia.

Máis información