Entre ferreiros
O traballo do ferro tivo en Galicia durante séculos unha importancia histórica, xa que os ferreiros eran os encargados de fabricar as distintas ferramentas para o medio rural galego e para parte da Península.
Ata a Idade Media o ferro traballábase de forma manual, dándolle golpes cun martelo. Despois, grazas á enerxía hidráulica o proceso mecanizouse e as ferrerías pasaron a utilizar tamén mazos de grandes dimensións, o que facilitaba a labor do acabado e o proceso en sí.
Riotorto é un deses pobos con longa tradición de ferreiros. Dende o val do Rego de Ferreiravella ata a zona de Carboeiro case a maior parte da poboación se adicou e aínda adica á fabricación de fouces, coitelos e outras ferramentas de corte.
Así pois, resulta case obrigado e interesante facer unha ruta que amose non só as ferrerías que aínda seguen en pé, senón o patrimonio de mazos e moas antigos que aínda conservamos, e que son testemuña da importancia que o traballo do ferro tivo sempre na zona. Falamos pois da Ruta do Ferro de Riotorto.
Os mazos estaban situados á beira dos ríos, na que se levantaba unha construcción de pedra que permitía albergar o espazo de traballo. Tamén o estaban as moas, imprescindibles no proceso de traballo para o afiado das ferramentas. Iniciamos polo tanto un fermoso percorrido que comeza na zona de O Mazo, nas Rodrigas, e remata na Fraga de Ferreiravella. Natureza, auga, tradición e historia viva de Riotorto.
¿Comezamos?
Nesta páxina está marcada toda a ruta:
- O inicio da Ruta do Ferro comeza en O Mazo, un paseo a carón do río onde se respira silencio. Coordenadas: 43º 20´27´´N / 7º 15´35´´O
- Natureza en estado puro, adentrámonos nun sendeiro rodeado de árbores.
- Con coordenadas 43º 20´27´´N / 7º 15´22´´ O, atopamos os restos da Moa do Louro.
- Continuamos a ruta ata chegar a Carboeiro: 43º 30´21´´N / 7º 49´29´´O. Alí aínda desenvolve o seu traballo de ferreiro Villada, co seu neto Óscar Villada, o último en incorporarse ó oficio na zona.
- Máis adiante, nas Ínsuas ( 43º 20´11´´ N / 7º 14´54´´ O), están os restos da Moa de Viñabella.
- E ós poucos metros, nas coordenadas 43º 20´11´´ N / 7º 14´54´´ O, otéase dende o alto o que fora o Mazo de Bastián, en Espasande de Abaixo. Construído durante a posguerra, alugábase por horas ós ferreiros, debido á alta demanda de pedidos que recibían de Castela.
- Seguimos ruta cara á Hermida, tamén en Espasande de Abaixo, (43º 19´33´´N / 7º 16´40´´O) onde se atopan algunas das forxas aínda en activo.
- Subimos ata a aldea de Lorigados, tamén con longa tradición de ferreiros, para seguir ruta ata o lugar de O Mazo, en Ferreiravella (43º 18´23´´N / 7º16´00´´ O). Case oculto entre as casas atópanse os restos do que foi o mazo máis antigo de Riotorto, xa que parece que data do S.XVII. Ademáis, nesta aldea aínda quedan en activo algún ferreiros.
- A ruta termina no Mazo da Fraga, en Ferreiravella, hoxe restaurado e convertido en área recreativa ( 43º 19´46´´ N / 7º 9´11´´O). O Mazo da Fraga foi un dos mazos máis importantes de Galicia, e estaba especializado na fabricación de fouces de todo tipo, que se enviaban ás tamén míticas segas a Castela. Hoxe está restaurado e o seu funcionamento pode dar testemuña do que fai un siglo se facía nesta fraga de Riotorto.