Historia


Da antigüidade destas terras son boa mostra os restos fósiles achados nalgúns xacementos do concello de Riotorto, concretamente na Órrea, Lodás, Santa Marta de Meilán e As Rodrigas, pertencentes ó periodo Xurásico.

O home prehistórico asentouse nesta bisbarra en torno ó río Eo, adicándose á pesca e á caza nas fragas das montañas. Entre os pobos prerromanos que habitaron estas terras salientan os albións, pobo que dominaba boa parte do nordeste lugués ata o río Navia.

Da época castrexa existen algúns restos, máis sorprende, sen embargo, que non aflorasen máis motivos desta cultura nunca bisbarra caracterizada polos castros e polas explotacións mineiras posteriores, e máis aínda cando existen castros moi cercanos como o da Olga e o do Vilar das Pedras na parroquia de Álvare (A Pastoriza).

Desta época castrexa é o castro da Coroa ou Croa. Trátase dun pequeno castro onde, a pesar da invasión da vegetación, pódense apreciar restos de muros e defensas.

A peza máis notable é o brazal de Riotorto, peza de filiación castrexa conservada hoxe en día no Museo Provincial de Lugo. Considerado tradicionalmente como brazal debido ó seu enroscamento para axeitalo como enfeite de brazo. Dátase entre os sécalos III e I a.C., tendo un peso de 111,5 gramos e un diámetro de 8,9 cm.

Pasada a época romana estas terras estiveron vencelladas á sé de Britonia. A súa orixe hai que situala no século V e con capital na lindeira parroquia de Bretoña, no concello da Pastoriza. Existe un camiño que se denomina a “ Ruta dos monxes celtas “, que parte desde Bretoña ata o lindeiro con Santalla e Vilaseca na chamada “ Pedra Chantada “, que segue cara ó mar, e que sería o camiño que seguiron os bretóns desde o mar ata cegar a Bretoña. Os suevos fixeron correrías pola zona como paso tamén cara ó mar, e os árabes, a través da tribo dos bereberes ocuparon os lugares máis estratégicos, pero a súa permanencia foi moi escasa.

No século VIII pode que o bispo Odoario coñecese estas terras, pois colonizou vastas extensións na franxa costeira. Nos sécalos IX, X e XI, penetraron os godos, fuxidos dos musulmáns, e colonizaron as terras que estaban ermas. Desta época parece se-la pía bautismal da igrexa da Órrea.

Na época medieval estas terras estiveron vencelladas ó bispado de Mondoñedo e ó mosteiro de Meira, ademais existen restos de tallas como a Vires románica da capela de San Bernabé e San Roque de Espasande de Arriba ( Meilán), que nos leva ó século XII, a de San Pedro da capela de San Pedro de Folgueirúa (Galegos) ou a de Santa Ana da capela do Vilar de Santiago (A Moxoeira), datada no século XIII.

Parte do territorio do concello formaba parte dun dos ramais do Camiño de Santiago que viña de Asturias e pasaba pola parroquia de Órrea ata cegar ó mosteiro cisterciense de Meira.

Riotorto ademais foi curato de presentación real ordinaria pertencente á antita Vicaría de Miranda, e en Xaneiro de 1203 os reis de Castela don Alfonso e dona Berenguela dirimiron unha contenda do Bispo de Mondoñedo cos fillos de don Fernando Velaz sobre os coutos de Riotorto, Canedo e Vilameá. Por outra parte, San Xillao de Ferreiravella aparece citado no testamento do bispo Martín de Mondoñedo, que gobernou a diocese de 1219 a 1248.

Nun documento do mosteiro de Meira do ano 1240 no que o abade Heimerico e o convento d Meira conceden a cen homes as herdades de “Vilanova de Archay y de Albare” para que as poboen, aparecen citados nos lindes destas herdades varios topónimos de Riotorto.

O Mosteiro de Meira tivo propiedades no concello de Riotorto desde o século XII ata o XVI.

Os enfrontamentos que se producen entre o mosteiro de Meira e o bispo de Mondoñedo fan que as terras de Aldurfe fosen saqueadas, as súas colleitas destruídas e os seus homes feridos por parte dos servos e vasallos do bispo de Mondoñedo.

No val de Santa Comba da Órrea ergueuse na Idade Media un mosteiro de monxas, se cadra benedictinas, coñecido como o “Mosteiro de Donas”, preto da actual igrexa parroquial ou nos arredores. O couto do mosteiro correspondía prácticamente coas parroquias da Órrea e Galegos.

As monxas cantaban na misa os domingos e tiñan no convento dous cálices de prata e outro de chumbo en 1407.

Os veciños pagaban renda ó mosteiro como colonos e foreiros que eran.

En Galegos coñecémo-la existencia dun hospital por un documento de aforamento do ano 1431 desde mosteiro.

A Idade Moderna

Os sécalos XVI e XVII caracterízanse industrialmente polo pulo de mazos e ferrerías, e a conseguinte actividade mineira, aparecendo contratos de saca de vea.

O século XVII caracterízase pola introducción do millo na provincia de Mondoñedo e na primeira metade deste século introdúcese o cultivo da pataca no norte do territorio lugués. A agricultura do século XVII era unha agricultura pobre de centeo e nabos.

No século XVIII a agricultura riotorteña era máis intensa que no século anterior, tiña máis man de obra precisa e abundantes actividades auxiliares, especialmente no referido ás mulleres que eran xornaleiras temporais.

Neste século aspectos importantes eran os foros e a aparición de grandes propietarios, entre eles algúns hidalgos. En Meilán, salientaza como un dos maiores facendados don Pedro Trilles.